Thursday 16 de May de 2024

Cheo total no campo da festa de San Roquiño para a IX Festa Gastronómica do Carneiro


O tempo acompañou e a carpa que alberga a IX Festa Gastronómica do Carneiro no campo da festa de San Roquiño (Lousame)  case chea dende que ás 13:30 horas se comezaron a servir racións de carneiro, acompañadas por pan e viño, a un prezo de 12 euros. As comidas saen lixeiras e o tempo máximo de agarda está entre os dez ou quince minutos, coincidindo co momento no que todas as mesas están ocupadas.

Unhas consumicións ás que hai que engadir tamén as das familias que levan unha pota chea de carneiro para casa, ben porque non poden quedar á festa, ben para poder seguir degustando este manxar esta noite ou mañá.

Un carneiro guisado segundo a tradición de San Roquiño por unha veciña de Tállara, Marisa, quen leva dorando o carneiro dende as catro da madrugada para que estea no seu punto coincidindo coa festa. De feito, ente dez e quince viaxes terán que facer os membros da asociación cultural San Roquiño á súa casa para recoller os 350 quilos de carneiro e outros tantos de patacas con pemento vermello, que se agardan repartir durante a xornada de hoxe sábado.

A música correu a cargo do grupo de gaitas local “Ó son do Pote” que, cando os seus membros descansan e repoñen forzas cun bo carneiro, son remprazados por unha discoteca móbil, que tamén actuará durante a noite. A quenda de cea abrirase ás 21:00 horas e manterase ata que se esgoten as existencias. Dende a asociación cultural San Roquiño, que organiza a festa en colaboración do Concello de Lousame, salientan “a boa afluencia de persoas ao longo da mañá, que confiamos continúe á noite” xa que “é moi importante que poidamos acabar con todo o carneiro que hai preparado, pois os gastos medran e nós decidimos manter o mesmo prezo ca sempre a pesar de que apenas chega para cubrir gastos”.